Wednesday 15 de May de 2024

Feijóo destaca o maior peso que adquire o emprego, a familia e a inclusión social na nova estrutura orgánica da Xunta de Galicia


Salienta que se trata dunha estrutura coherente cos obxectivos de reforzar a política social, o sector primario, o emprego, e o medio ambiente e a ordenación territorial

O presidente do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, subliñou que a nova estrutura orgánica das consellerías da Xunta, aprobada no Consello de hoxe, outorga un maior peso ao emprego, a familia e á inclusión social. É, segundo destacou, unha nova configuración do Goberno coa que se busca dar un novo impulso social, económico e territorial no novo contexto de crecemento que se ten aberto.

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do Goberno galego, Feijóo precisou que a nova estrutura é coherente con estes catro obxectivos fundamentais. É coherente co obxectivo de facer unha aposta reforzada pola Política Social, dixo, a través dunha consellería que se dedicará en exclusiva a este eido. Como novidade, apuntou que desdobrará a anterior Dirección Xeral de Familia e Inclusión Social para poder atender de forma específica estas competencias en cadanseus departamentos.

Deste xeito, concretou que a Consellería de Política Social quedaría configurada do seguinte xeito: a Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica; a Dirección Xeral de Inclusión Social; a Dirección Xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade; a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado; e, adscrita a esta consellería, a Axencia Galega de Servizos Sociais.

Unha Xunta comprometida coa política social e o sector primario
A nova estrutura da Xunta é tamén coherente, engadiu, co obxectivo de reforzar os ámbitos rural e marítimo, para que a recuperación poida chegar a todos os sectores e ámbitos poboacionais. E é por iso que se crea a Consellería do Medio Rural e a Consellería do Mar.

No primeiro caso, a Consellería do Medio Rural estrutúrase nos seguintes órganos de dirección: a Dirección Xeral de Gandería, Agricultura e Industrias de Alimentación; a Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal; a Dirección Xeral de Desenvolvemento Rural; e, adscritos, outros entes como a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

No tocante á Consellería do Mar, estrutúrase na Dirección Xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica; a Dirección Xeral de Desenvolvemento Pesqueiro; e, adscritos, entes como Portos de Galicia.

Ligar o emprego á promoción económica e á innovación
O presidente galego explicou que se trata, por outra banda, dunha remodelación coherente co obxectivo de ligar o emprego á promoción económica e á innovación industrial, que se incardinan na Consellería de Economía, Emprego e Industria. Segundo sinalou, neste caso a única novidade é que se eleva o rango do departamento encargado da política laboral, que se fará a partir de agora a través da Secretaría Xeral de Emprego, da que dependerá a Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral.

O medio ambiente e a ordenación do territorio, eidos a reforzar
O último obxectivo que cumpre esta nova estrutura orgánica do Goberno galego, dixo, é o de fortalecer por un lado o peso da protección do medio ambiente e a ordenación do territorio para que esta sexa posible; e, por outro, o peso das infraestruturas e da vivenda.

No relativo á ordenación do territorio, este ámbito competencial será específico da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, da que dependerán: a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo; a Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental; a Dirección Xeral de Conservación da Natureza; e, como entes adscritos, Augas de Galicia ou a Axencia de Protección da Legalidade Urbanística.

Doutra banda, no tocante ás infraestruturas e á vivenda, a consellería que asume estas áreas terá unha Dirección Xeral de Mobilidade e, adscritos, entes como a Axencia Galega de Infraestruturas ou o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Feijóo concluíu asegurando que esta estrutura acorde aos obxectivos marcados coa renovación do Goberno e que agora, dixo, ponse a traballar con carácter inmediato para que esa renovación se traduza en medidas e solucións, que é o obxectivo final.